sábado, 1 de noviembre de 2025

O cambio climático en Galicia: a urxencia de previr antes de lamentar. A crise climática xa está aquí. En Galicia, o lume, o vento, a choiva e o mar lembran cada día que a prevención é máis necesaria ca nunca.

 

O cambio climático en Galicia: a urxencia de previr antes de lamentar

O cambio climático xa non é unha ameaza futura: é unha realidade que nos está superando. En Galicia sabémolo ben. Este ano vivimos quizais os peores incendios da nosa historia, unha traxedia que deixa feridas visibles e invisibles. E o máis preocupante é que pode volver repetirse, mesmo con consecuencias aínda máis devastadoras.

Mais cando falamos de cambio climático, non falamos só de lume. Tamén falamos de auga, vento e choiva, e tamén —como non— do mar, que é unha parte esencial da nosa identidade e da nosa economía.

As rías galegas, que durante séculos foron fonte de vida e sustento, están sufrindo cambios silenciosos pero profundos: a subida da temperatura da auga, a acidificación, a contaminación e a perda de biodiversidade están a afectar aos bancos marisqueiros, ás bateas de mexillón, ás zonas de ameixa e aos demais bivalvos. O que antes era un equilibrio natural, hoxe vese ameazado por fenómenos que avanzan máis rápido do que somos capaces de responder.

Cando unha riada ou unha vaga de calor mata o marisco, non é só unha perda ecolóxica: é tamén un golpe directo ás familias que viven do mar, ás confrarías, ás empresas locais, á cultura mariñeira que define quen somos.

E aí é onde debemos parar a pensar: estamos realmente preparados? Prepararse non significa só ter os medios para volver á normalidade cando ocorre unha catástrofe. Significa, sobre todo, traballar para que esas catástrofes non cheguen a producirse.

Esa é, quizais, a nosa maior asignatura pendente. Fáltanos unha verdadeira cultura de prevención: prevención de incendios, de inundacións, de perda de solo e tamén de degradación mariña. Mentres tanto, seguimos confiando en que a sorte, a choiva ou o vento nos dean unha tregua un ano máis. Ou mesmo preferimos mirar para outro lado, a ver se isto do cambio climático non é máis que un invento.

Pero non podemos deixalo todo nas mans do azar. E tampouco podemos pedirlles aos concellos que fagan milagres. Porque cando falamos de municipalismo, falamos da capacidade real que teñen os nosos municipios para dar resposta aos problemas da veciñanza: desde os servizos básicos ata a protección do territorio e do litoral. E a realidade é que hoxe os concellos non contan cos recursos suficientes para facer fronte a estes desafíos.

Mais tamén é certo que cando a cidadanía se organiza, demostra a súa forza. Un exemplo claro o temos nas concentracións da veciñanza diante das portas dos  centros de saúde da súa vila, (nesta comarca, noutras moitas), reclamando máis persoal médico e solucións urxentes para o noso sistema sanitario. Esa mobilización constante é a proba de que a acción colectiva pode abrir camiños onde as institucións chegan tarde.

Por iso, é o momento de pedir máis gobernanza local, máis recursos, máis capacidade para decidir desde o próximo. O cambio climático obríganos a repensar non só como vivimos, senón tamén como gobernamos e coidamos os nosos territorios e as nosas rías.

A prevención non é un luxo, é un investimento no noso futuro, nas nosas vidas, nas das persoas que nos precederon e nas de quen virán despois. Se queremos protexer o que somos e o que construímos con esforzo, debemos actuar agora, presionar á política e traballar xuntas e xuntos por un territorio —e un mar— máis resilientes, máis preparados e máis xustos.

É fácil a prevención ante o cambio climático?

Non, non é fácil. Previr o cambio climático significa planificar a longo prazo nun mundo que pensa a curto, investir agora en cousas que quizais non dean votos nin beneficios inmediatos, e mudar costumes moi enraizados. Supón coordinar moitas vontades distintas: administracións, empresas técnicas, comunidades e persoas.

A dificultade está en que moitas veces vemos as consecuencias, pero non as causas. Reparamos as pontes caídas tras unha enchente, pero non revisamos o sistema de drenaxe; limpamos o monte despois dun incendio, pero non investimos na xestión sostible do bosque. E así, o ciclo repítese.

Mais o difícil non é o mesmo que o imposible. A prevención faise posible cando se suman a vontade política e a forza colectiva. Cando se aposta pola educación ambiental, polos plans de emerxencia locais, pola limpeza de ríos e regatos, pola reforestación con especies autóctonas, polo apoio ao marisqueo sustentable e pola planificación urbanística con visión ecolóxica.

A clave é entender que a prevención non é un gasto, senón unha forma de coidar a vida. Cada euro, cada hora e cada decisión dedicada á prevención evita perdas moito maiores no futuro: en recursos, en infraestruturas e, sobre todo, en vidas.

Porque cando un pobo se une, nin o lume, nin o vento, nin o mar o fan calar. E Galicia sabe ben o que é loitar unida.


 

martes, 21 de octubre de 2025

Gumersindo Fernández Pardavila. Mariñeiro, lector, anarquista e supervivente.

 

 

Nado na vila mariñeira da Pobra do Caramiñal, en 1911, Gumersindo marchou sendo moi mozo a Euskadi, buscando traballo e novos horizontes. Instalouse en Pasaia (Gipuzkoa), un porto cheo de galegos e xente do mar.

Alí entrou en contacto e militou na Confederación Nacional do Traballo (CNT) e no pensamento libertario. Era un home curioso, feito a si mesmo, cunha apertura mental pouco común na súa época. Lía con paixón, escribía con claridade e foi formando unha biblioteca de libros de historia, filosofía e literatura que o acompañaron ao longo de toda a súa vida. Convencido de que a educación e a lectura eran camiños de emancipación persoal e colectiva, practicaba esa maneira de estar no mundo.

En 1936, antes do levantamento militar, asinaba artigos en El Avance Marino, xornal dos traballadores do mar, onde defendía a solidariedade e a dignidade laboral dos mariñeiros.

Cando as forzas da dereita, contrarias ao avance das reformas sociais, feministas, laborais e democráticas, deron o golpe de Estado contra a II República en xullo de 1936, alistouse voluntario no bando republicano, convencido de que loitaba por un mundo máis xusto.

En xaneiro de 1937 foi elixido Delegado de Mar e de Propaganda Escrita na Agrupación Confederal Galega de Xixón, e pouco despois Secretario Xeral do Comité Rexional Galaico no Norte das Xuventudes Libertarias (FIJL). Militou na palabra, na cultura e na organización como ferramentas de liberdade.

A derrota do fronte norte, no outono de 1937, puxo fin á súa mocidade libre. Foi apresado e trasladado a Galicia. En Ferrol, un consello de guerra franquista acusouno de deserción e declarouo fuxido e en rebeldía. Pasou por un Batallón de Traballadores, sometido a traballos forzosos. Despois foi obrigado a servir no exército nacional, loitando baixo unha bandeira que non era a súa. Non o fixo por convicción, senón por supervivencia. Volveu cun dedo da man inutilizado, ferida que lembraba o absurdo da guerra e o prezo de vivir.

Perdida a guerra, regresou ao mar. Traballou de mariñeiro e, máis tarde, de patrón de pesca. Nunca perdeu o amor pola lectura: a súa biblioteca medrou cos anos. Do seu interese polos libros e pola cultura queda testemuña no Museo do Pobo Galego, onde se conserva unha carta dirixida a D. Victoriano García Martí, intelectual e escritor pobrense, para agradecerlle o envío da súa obra Galicia, la esquina verde a través dunha amizade común.

Seguiu sendo un home culto, curioso e libre ata o final dos seus días. O seu nome sobreviviu no silencio e tamén na palabra escrita.

Hoxe sabemos que Gumersindo Fernández Pardavila foi un mariñeiro ilustrado, un anarquista humanista e un lector apaixonado. Do seu paso pola vida queda constancia na Enciclopedia histórica do anarquismo galego (CNT Galiza), no Arquivo do Museo do Pobo Galego, no libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), no artigo El Trintxerpe republicano: génesis de la denominada “quinta provincia gallega”, en nomesevoces.net, e —con toda seguridade— nos expedientes oficiais que aínda agardan en distintos arquivos militares e administrativos.



Pequena homenaxe

Este é a pequena homenaxe que lle fago a Gumersindo, o meu avó.

O seu silencio marcou a miña curiosidade.

As súas ansias de liberdade e a súa loita por unha vida digna
foron o xermen na miña alma e a forza no meu espírito.

Porque sempre hai que militar na liberdade e na dignidade.

 





Los que sufren

Entre los subyugados por el inhumano capital; entre los explotados, es la gente de mar la que más vilipendiada

 vaga por este  "valle de lágrimas".

Cierto es que los logreros capitalistas extraen de lo más valioso del ser humano el dulce néctar que sostiene 

sus inútiles vidas de fausto,  lujo y abundancia. 

Cierto, también, que somos los productores sin matices ni distingos los que sostenemos a los eternos parásitos 

del sudor ajeno.

Vida penosa la del minero, que se interna en el infierno de las galerías para extraer los minerales que enriquecen 

al "ogro", consumen al esclavo al que se gratifica para que pueda mal alimentarse.

Vida penosa la del campesino, que chorrea el sudor por cada poro para alcanzar una indigna miseria.

Pero ellos, después de trabajar durante jornada más o menos larga, descansan su fatiga en sano lecho.

La gente de mar ni aún tiene ese consuelo.

Pongamos como ejemplo un pesquero, pues a los pescadores nos referimos. Por la mañana, antes que

la aurora muestre  su rosada (o gris) faz por el horizonte, comienza un trabajo que puede durar todo el día y 

aun parte de la noche; durante ésta, dos horas de guardia y el resto se aprovecha para entregarse a Morfeo, si el dios 

tiene a bien llegarse a un nicho de tablas  contrapuestas por cuyas grietas chorrea (en algunos barcos) el agua 

de la lluvia y de los golpes de mar. 

Duerme porque el organismo necesita reposo tras penoso ejercicio; pero las condiciones de los barcos están muy lejos 

de  facilitar el descanso necesario.

Un fétido olor (más en los motores) producido por el agua de la cala, invade el reducido alojamiento. 

Tan reducido es en algunos barcos, que aparte de cambiarse de ropa existe la necesidad de comer a la intemperie.

Los armadores al construir los barcos jamás se fijan en la comodidad de los "alquilados",

...El negocio, ese móvil depravante, es el que ocupa todo el espacio.

Son las neveras, pañoles y departamentos de máquinas los que privan al sufrido hombre de mar de lo necesario

 para vivir un poco limpiamente.

En Pasajes hay autoridades sanitarias. ¿A qué mencionalas, si por autoridades son la diestra del burgués? 

¿Qué puede impotrarles a los "sanitarios" el hedor insalubre de los alojamientos del pescador? 

Ellos y sus sostenedores se mecen en mullidos lechos y ventiladas habitaciones.

A propósito, también existen autoridades de Marina. ¿Qué significa para ellos la cruenta muerte de los inmolados 

por la salvaje codicia del armador y del patrón de pesca? Al armador no le conviene el barco en puerto y las 

"benditas autoridades" no impiden la salida de los barcos aunque el huracán arranque los palos. Lacayos!...

Para suplir al barco están los seguros y para relevar a un hombre "donan" a su familia "lo que vale".

 Una determina da cantidad de dinero. ¡Cómo si los hombres fueramos bestias! ¡Cómo si nuestra vida tuviera precio!

Pescador: Avance Marino, como colectividad consciente del sendero de tu emancipación te dice: 

desdeña to que significa morbo autoritario, no retrocedas jamás y capacítate para alcanzar en un supremo esfuerzo

 lo que por ley natural te pertenece.

G. FERNANDEZ PARDAVILA

Marzo 1936

 

domingo, 19 de octubre de 2025

Servizos de conciliación e dereito ao tempo: dúas caras da mesma moeda (Parte II)

 Cara a unha xornada laboral que se adapte á vida, e non ao revés.

Na primeira parte desta reflexión falabamos da importancia dos servizos de conciliación como ferramenta imprescindible para que as familias poidan atender ás crianzas e manter o emprego. Mais tamén lembrabamos que, se non cuestionamos os horarios laborais actuais —longos, partidos e afastados do ritmo da vida familiar—, calquera esforzo de conciliación será só un parche.

Nesta segunda parte, damos un paso máis: que pode facer a sociedade —empresas, administracións e cidadanía— para avanzar cara a unha xornada laboral adaptada á vida?

Non é traballar menos: é traballar mellor e vivir mellor

As xornadas partidas —con dúas horas ou máis de pausa ao mediodía— non son máis produtivas: alongan o día, desgastan ás persoas e dificultan a vida familiar e persoal.

Por iso, cada vez máis empresas galegas comezan a tomar conciencia e a introducir cambios. Algunhas medidas que xa se están aplicando ou que poderían implantarse son:

·         Xornada continuada sempre que sexa posible, especialmente no sector público, nos servizos e no comercio de proximidade.

·         Horarios flexibles de entrada e saída, dentro dun marco razoable (p.ex.: entrar entre as 7:30 e as 9:30 / saír entre as 15:30 e as 17:30).

·         Pausas para comer máis curtas (30–45 minutos), para poder finalizar antes a xornada.

·         Teletraballo parcial, cando a natureza do posto o permita.

·         Bolsas de horas ou días de coidado retribuídos e xustificados, para atender fillos/as ou persoas dependentes en casos puntuais.

E os concellos? Tamén teñen un papel clave

Desde os concellos tamén se pode favorecer unha cultura do tempo máis xusta. Como?
Recoñecendo publicamente ás empresas con horarios conciliadores —a través dun selo municipal, premios anuais ou visibilidade en redes e prensa— e, por suposto, dando exemplo: reorganizando os horarios do propio persoal municipal cando sexa posible
.

Conciliación si… pero tamén tempo de vida

Os servizos de conciliación son unha conquista social que debemos manter e reforzar. Pero a conciliación real non é só encaixar axendas: é poder vivir sen présas, ver medrar ás crianzas, coidar sen culpa e saír do traballo sabendo que o día aínda nos pertence.

E sen salarios dignos… de que tempo falamos?

Non podemos falar de dereito ao tempo se os salarios son tan baixos que obrigan a buscar un segundo emprego ou aceptar horas extra para chegar a fin de mes.

O traballo debería garantirlle a cada persoa unha vida digna, unha vivenda accesible e tranquilidade económica. Se non, o tempo libre convértese nun luxo.

 

Por iso, igual que reclamamos escolas, centros de saúde, servizos de conciliación ou salarios dignos, debemos reclamar tamén o dereito ao tempo.

Porque unha sociedade que non ten tempo para coidar, nin para estar xunta, é unha sociedade que se esqueceu do esencial.
E iso só será posible cando o traballo se adapte á vida, e non ao revés.