Cara a unha xornada laboral que se adapte á vida, e non ao revés.
Na primeira parte desta reflexión falabamos da importancia dos servizos de conciliación como ferramenta imprescindible para que as familias poidan atender ás crianzas e manter o emprego. Mais tamén lembrabamos que, se non cuestionamos os horarios laborais actuais —longos, partidos e afastados do ritmo da vida familiar—, calquera esforzo de conciliación será só un parche.
Nesta segunda parte, damos un paso máis: que pode facer a sociedade —empresas, administracións e cidadanía— para avanzar cara a unha xornada laboral adaptada á vida?
Non é traballar menos: é traballar mellor e vivir mellor
As xornadas partidas —con dúas horas ou máis de pausa ao mediodía— non son máis produtivas: alongan o día, desgastan ás persoas e dificultan a vida familiar e persoal.
Por iso, cada vez máis empresas galegas comezan a tomar conciencia e a introducir cambios. Algunhas medidas que xa se están aplicando ou que poderían implantarse son:
· Xornada continuada sempre que sexa posible, especialmente no sector público, nos servizos e no comercio de proximidade.
· Horarios flexibles de entrada e saída, dentro dun marco razoable (p.ex.: entrar entre as 7:30 e as 9:30 / saír entre as 15:30 e as 17:30).
· Pausas para comer máis curtas (30–45 minutos), para poder finalizar antes a xornada.
· Teletraballo parcial, cando a natureza do posto o permita.
· Bolsas de horas ou días de coidado retribuídos e xustificados, para atender fillos/as ou persoas dependentes en casos puntuais.
E os concellos? Tamén teñen un papel clave
Desde os concellos tamén se pode favorecer unha cultura do tempo máis xusta. Como?Recoñecendo publicamente ás empresas con horarios conciliadores —a través dun selo municipal, premios anuais ou visibilidade en redes e prensa— e, por suposto, dando exemplo: reorganizando os horarios do propio persoal municipal cando sexa posible.
Conciliación si… pero tamén tempo de vida
Os servizos de conciliación son unha conquista social que debemos manter e reforzar. Pero a conciliación real non é só encaixar axendas: é poder vivir sen présas, ver medrar ás crianzas, coidar sen culpa e saír do traballo sabendo que o día aínda nos pertence.
E sen salarios dignos… de que tempo falamos?
Non podemos falar de dereito ao tempo se os salarios son tan baixos que obrigan a buscar un segundo emprego ou aceptar horas extra para chegar a fin de mes.
O traballo debería garantirlle a cada persoa unha vida digna, unha vivenda accesible e tranquilidade económica. Se non, o tempo libre convértese nun luxo.
Por iso, igual que reclamamos escolas, centros de saúde, servizos de conciliación ou salarios dignos, debemos reclamar tamén o dereito ao tempo.
Porque unha sociedade que non ten tempo para
coidar, nin para estar xunta, é unha sociedade que se esqueceu do esencial.
E iso só será posible cando o traballo se
adapte á vida, e non ao revés.
No hay comentarios:
Publicar un comentario