Cando formei parte do goberno da Pobra tiven a oportunidade de comprobar algo que xa sabía: o máis importante non son as noticias que enchen portadas dos xornais, senón o que vivimos cada día na nosa vila.
No Concello fálase moito de problemas individuais, e todos son importantes porque afectan directamente á vida das persoas. Do mesmo xeito, tamén hai que atender cuestións puntuais, como a organización de eventos culturais ou deportivos. Sen embargo, co tempo comprendín que nada diso abonda por si só: o reto é máis fondo. O que realmente marca o presente e o futuro da comunidade son os problemas colectivos, os que teñen que ver coa vivenda, cos servizos sociais, co coidado das crianzas e das persoas maiores, coa mobilidade, co territorio ou coa nosa cultura..
Sen embargo, estou convencida de que resolver os problemas colectivos da vila non é só cousa do Concello. Fai falta que todas e todos participemos: falando, dando ideas, discutindo o que non funciona e propoñendo o que pode mellorar. Cando abrimos debates e nos implicamos, as solucións que saen en común son sempre mellores que as que se veñen desde arriba.
Por iso creo que participar é gobernar. Non se trata só de opinar, nin de querer levar sempre a razón, senón de implicarse con espírito aberto: compartir ideas, escoitar ás demais persoas e buscar respostas colectivas. Cando o facemos, a democracia local medra e as decisións son máis xustas, máis útiles e máis compartidas.
Vivimos tempos de cambio que nos esixen estar á altura. A crise climática, o envellecemento da poboación, as desigualdades sociais ou o esgotamento de recursos son retos que non teñen resposta individual. Nestes tempos é imprescindible traballar en comunidade, porque só así poderemos construír solucións reais e preparar o futuro que queremos para nós e para as nosas familias.
En definitiva, o municipalismo é isto: entender que o futuro da nosa vila non depende só de quen goberna, senón da capacidade que teñamos como sociedade de activarnos e construír en común.
No hay comentarios:
Publicar un comentario