Día tras día, o cambio climático faise visible nas vilas, nas cidades e nas vidas das persoas que as habitan.
Mais o cambio climático é só un dos nove límites planetarios que manteñen o equilibrio da Terra, e a humanidade xa cruzou a maior parte deles. A perda de biodiversidade, o esgotamento dos recursos, a contaminación e a degradación dos ecosistemas son sinais dun planeta ao bordo do colapso.
Xa ninguén pode negar o evidente: a vida na Terra enfróntase hoxe aos desequilibrios que nós mesmos provocamos coa nosa ambición e coa nosa cegueira.
Moitas veces dísenos que a solución pasa por seguir medrando, pero “de forma verde”: coches eléctricos, enerxías limpas, tecnoloxía sostible. Soa ben, e sen dúbida son pasos necesarios, pero non chegan.
Porque o problema non é só o tipo de enerxía que usamos, senón a cantidade de enerxía e de recursos que consumimos.
Non se trata de cambiar de combustible, senón de cambiar de rumbo.
Non podemos seguir pensando que todo pode crecer sen límites nun planeta que xa amosa claros sinais de esgotamento.
Desgrazadamente, o medo da clase política a ter que explicar á cidadanía a necesidade dun cambio profundo de modelo económico —baseado na redución drástica do consumo e nas súas consecuencias sociais— lévanos a seguir crendo nun futuro pouco realista, onde a economía continúa medrando e as nosas vidas só poden mellorar a través dese crecemento.
Mais a realidade é ben distinta: nese crecemento sen límites está a nosa perdición, e tamén a nosa ruína, tanto civilizatoria como familiar e individual.
A cidadanía, do mesmo xeito que soubo erguerse e liderar o movemento contra o xenocidio en Gaza, ten agora que alzar a voz e reclamar responsabilidade e acción dos gobernos fronte á gran crise civilizatoria que nós mesmos desencadeamos: unha emerxencia ecolóxica, climática e social que ameaza o noso futuro común.
Non podemos permanecer impasibles, coma se nada pasase. Ignorar a enfermidade non fai que desapareza; polo contrario, só a agrava.
Non hai posibilidade de futuro sen un cambio de rumbo, e é imprescindible que sexamos nós, a cidadanía, quen o lidere.
As elites seguen aferradas á ilusión do beneficio inmediato, dispostas a quedar co último euro, aínda que iso supoña o colapso de todo o que coñecemos.
O cambio vén, queirámolo ou non, e só será xusto se o facemos nós, desde abaixo, con conciencia e solidariedade.
De non ser así, estaremos abocados a un mundo inxusto, insensible e indiferente á miseria e á dor.
Non se trata de volver atrás, senón de aprender a vivir doutro xeito: con menos exceso e máis sentido, con menos individualismo e máis comunidade.
Precisamos un mundo máis local, máis artesán, demandante de menos recursos, máis austero; centrado no benestar das persoas e do resto da vida: na saúde, nos coidados, na educación...
Un mundo que poidamos habitar con dignidade, sen destruír o que nos sostén.
Cada decisión conta, cada voz suma.
Porque o futuro non se espera: constrúese, e o noso deber é facelo posible antes de que outros decidan por nós ou o constrúan deixándonos fóra.