miércoles, 20 de enero de 2010

GOOD BY RIVERS

Non hai enfrontamento entre linguas. Non o hai na escola nin tampouco na rúa. A sociedade é consciente da importancia do inglés como lingua franca. Os mestres e as mestras, os pais e as nais sabemos e queremos preparar aos nosos mozos na aprendizaxe de idiomas.

Pero temos moi claro tamén que as linguas estranxeiras non son como as maternas. As linguas estranxeiras son linguas que se aprenden pero nas que non se vive nin se convive.

O verbo amar dicímolo na lingua na que medramos e as cantigas de berce que lle cantamos aos nosos filllos son aquelas coas que nos durmiamos nós.

En inglés non cantamos cancións de corro, nin contamos as nosas lendas, nin os nosos contos de medo.

En inglés non declamamos a Rosalía nin a Bécquer, non é o mesmo. Nin tampouco somos quen de atopar a palabra exacta que defina as polas de auga que se agochan nas xunqueiras.

Non. En inglés non podemos falarlles de Isabel a Católica, nin da Guerra Civil, nin da revolta Irmandiña, nin explicarlles aos nenos as características propias do ecosistema das Rías Galegas.

Porque non sería o mesmo. Porque non transmitiriamos o mesmo nin contariamos o mesmo.

O inglés debe estar no ensino, e de seguro debe ter máis presenza da que ten ata o momento, pero non así como di o decreto.

Sen dúbida é posible o ensino de tres linguas na escola galega, pero nunca de xeito que a aprendizaxe da lingua estranxeira solape a lingua e a cultura da nosa terra.


Charo Varela

Mestra especialista en inglés
Profesora CLIL (Seccións bilingües
)

No hay comentarios: