viernes, 8 de enero de 2010

O DECRETO DO INGLÉS


Diglosia.

O novo decreto devólvenos á diglosia, devólvenos ao galego de segunda B, cando aínda non acadaramos a 1ª división.
Tras anos de traballo, de pasos ben dados a prol do bilingüismo en Galicia, e xa tendo acadado que moitos mozas e mozas galegas se sintan competentes para falar calquera das dúas linguas oficiais e totalente libres para facelo, o goberno decide reducir o tempo do galego no ensino a un terzo do horario lectivo.


Demagoxia.

O goberno, intencionadamente, utiliza a lingua inglesa como arma arreboladiza contra o galego , cando sabe que o camiño a seguir no ensino de linguas estranxeiras está moi ben trazado a través do Plan de seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos, que xa ven funcionando hai uns anos nalgunhas escolas galegas.
Porque o goberno sabe que esa escola trilingüe da que está a falar no decreto plurilingüe é, a día de hoxe, unha quimera. Que non hai recursos suficientes, nin humanos nin económicos, para afrontar o ensino plurilingüe a terzos en todos os colexios públicos de Galicia.
O goberno, deliberadamente, aproveita a falta de información da cidadanía sobre a situación real da aprendizaxe de linguas para confundirnos a todos pretendendo un enfrontamento totalmente inexistente entre o galego e o inglés.

Medias verdades que son mentiras.

Sen dúbida a letra do decreto pode soar moi ben. E mesmo haberá quen se crea que este documento vai ser algo máis que papel mollado.
Sería ideal que, ao remate do ensino obrigatorio, os xoves galegos foran plurilingües, competentes nas dúas linguas oficiais de Galicia e nunha lingua estranxeira, o inglés.
Pero a meirande parte dos galegos e as galegas temos os pés no chan e coñecemos moi ben a nosa realidade: a do galego e a do castelán. Sabemos da necesidade que tiñamos do decreto do galego. Sabemos que se non potenciamos o uso do galego na escola, inevitablemente, esmorecerá.
Pero o noso Presidente decidiu un día que para ser Presidente tiña que renunciar a defender a lingua propia de Galicia. E da súa renuncia nace este decreto absurdo e mentireiro.
O decreto do inglés.

No hay comentarios: