Unha reflexión sobre a necesidade de garantir servizos públicos de conciliación sen esquecer que o verdadeiro reto é adaptar o traballo á vida.
Nos últimos anos, moitos concellos galegos —entre eles cómpre destacar o da Pobra do Caramiñal— fixeron un esforzo enorme por ofrecer servizos de conciliación ás familias: programas de madruga, comedores escolares, obradoiros de mañá e de tarde, ludotecas...
Eses servizos, imprescindibles hoxe, foron unha resposta valente a unha realidade que as familias estaban a vivir: non podían traballar e atender ás súas crianzas ao mesmo tempo.
As primeiras organizacións que reaccionaron foron as ANPAS, que xestionan, por exemplo, moitos comedores escolares; pero pronto os concellos comezaron tamén a ofrecer respostas a unha necesidade cada vez máis acuciante.
A pesar de que en moitos casos os servizos de conciliación, fundamentais para as familias, chegan a cubrir ata nove horas diarias de atención continuada, ese horario é con frecuencia insuficiente para dar resposta a todas as necesidades.
Isto lévanos a facer unha reflexión máis profunda: a conciliación non pode resolverse tan só cubrindo con coidados públicos o horario laboral, moitas veces prolongado e insostible para a vida familiar.
As crianzas e as súas nais e pais deberían poder gozar dun tempo diario e tranquilo de estar xuntos, de compartir, de vivir.
En Galicia, como no resto do Estado, as xornadas laborais son longas e partidas.
A maioría das persoas traballadoras entra arredor das nove da mañá e sae pasadas as sete da tarde, cunha pausa de mediodía que alonga artificialmente o día e rompe o tempo persoal e familiar.
Mentres tanto, as escolas rematan entre as dúas e as catro, se hai servizos de comedor.
Ese desfase entre a vida laboral e a vida familiar non é un accidente: é o resultado dun modelo de organización social pensado para o traballo, non para a vida.
O modelo de xornada longa, partida e centrada na presenza continua e na produtividade foi deseñado historicamente por e para homes, que tiñan detrás unha muller encargada de todo o traballo reprodutivo: coidar as crianzas, preparar as comidas, atender ás persoas maiores, manter o fogar.
E mentres non o cuestionemos, calquera política de conciliación será só un parche sobre unha ferida que non deixa de sangrar.
Porque conciliar non é só organizar horarios, é recuperar o dereito a vivir con tempo.
E iso só será posible cando o traballo se adapte á vida, e non ao revés.
No hay comentarios:
Publicar un comentario