miércoles, 25 de junio de 2008

NON VER OS PR0BLEMAS NON É A SOLUCIÓN

O feito de ter sido concelleira do equipo de goberno socialista durante nove meses e aínda que o tivera sido durante 9 anos non me inhabilita para facer a crítica que considere oportuna a este ou outro goberno municipal. Non escondo as miñas opinións detrás de iniciais nin pseudónimos porque estou convencida de que os meus argumentos xustifican suficientemente os meus puntos de vista.
Dende logo haberá quen estea dacordo e quen estea en desacordo coas miñas opinións, o máis interesante, en todo caso, é o debate ao que poidan dar lugar, paso previo e imprescindible para poñer encima da mesa os problemas e así ser quen de buscar solucións para darlles resposta.
Ë certo que son militante socialista dende hai anos, pero ademáis, á marxe da miña ideoloxía e por encima de todo, son unha pobrense preocupada polo futuro da nosa vila.

Son desas pobrenses que considera que tanto o Porto Comercial coma o Polígono de A Tomada foron dous grandes acertos de dous gobernos ( un popular e outro socialista) que souberon xestionalos e que acadaron a financiación necesaria para levalos a cabo.
Pero gustaríame recordar aquí que en ningunha destas obras foi levada a cabo por un goberno Maceiras.

Sei que o noso clima non é o da Costa do Sol polo que considero doblemente importante o esforzo inversor do sector turístico e hosteleiro na comarca e sobre todo no noso concello.
De feito a implicación do Concello no desenvolvemento dun sector que aposta claramente polo futuro da nosa vila faise imprescindible dende todos os puntos de vista. Pero non temos nin sequera unha páxina web oficial e actualizada da Pobra do Caramiñal como teñen o resto dos concellos do Barbanza.

O noso comercio non adolece de rúas comerciais. Temos dabondo. O seu problema actual é outro moi distinto. Non hai clientela suficiente, nin comercio suficiente para atraer máis clientela. E a pescadilla que se morde a rabo. Vemos ano tras ano como abren e pechan negocios. O que temos é que buscar solucións que rompan con esa esa dinámica. Insistir en gastar os cartos destinados a revitalizar o comercio en embelecemento de rúas e prazas non é, dende o meu punto de vista, a solución axeitada. Non digo que sexa fácil, pero o que non se pode é directamente tirar a toalla.

Por outro lado, os datos de poboación do ano 2007 que publica o IGE deberían preocuparnos seriamente aos cidadáns e cidadás do Concello da Pobra. Mentres Boiro e Riveira ven aumentar a súa poboación ano tras ano, a realidade pobrense é moi distinta. A poboación decrece de forma alarmante e non parece que este dato interese demasiado ao goberno municipal.As tendencias son claras e se manteñen co paso dos anos. De seguir deste xeito acabaremos perdendo a nosa propia identidade.

Tamén perdemos o tren do deporte e a cultura. Son os concellos veciños os que destacan tanto en actividades artísticas e como en deportivas e educativas. Club de natación, club de patinaxe, equipo femenino de baloncesto, club de balonmán, club de voleibol, escola de teatro, escola de música , conservatorio, escola de idiomas…É importante abordar toda esta problemática no seu conxunto e apostar por un modelo de pobo de futuro atractivo e puxante.

Non ver os problemas non os fai desaparecer, pola contra, fai que medren moitas veces de xeito desproporcionado.
Publicada na Voz de Galicia.Buzón do lector.

miércoles, 4 de junio de 2008

MELLORANDO AS INFRAESTRUCTURAS EDUCATIVAS

En marzo do 2007 o parlamentario socialista José Manuel Lage visitou o colexio Salusiano Rey Eiras. Daquela a comunidade educativa o invitara a visitar o centro coa intención de que coñera “in situ” as carencias máis relevantes e llas trasladara ao Delegado de Educación. Un ano máis tarde o novo comedor escolar está prácticamente rematado, o ascensor está colocado e en funcionamento, o problema dos malos olores dos baños está solucionado e as portas de saída son finalmente reglamentarias e abren para fora. É certo que queda moito por facer e mellorar. Pero considero que, despois de anos sen atender practicamente ningunha das múltiples demandas do centro, esta Consellería de Educación desmostrou que realmente ten interese por mellorar as infracestructuras dos seus centros educativos.