domingo, 17 de abril de 2022

AGRO SOBRE DA FONTE

Foi o meu pai o que empezou. Foi el que cavou a primeira horta no Agro sobre da Fonte da Devesa (que é así como se chama a nosa finca, que antes foi súa). Todo a sacho, con moito esforzo; pero tamén con moitas ganas e ilusión. Que ricos os seus primeiros tomates e pementos, xa nunca houbo outros máis saborosos que aqueles. É marabilloso para min recordar eses momentos inesquecibles da nosa vida. Momentos que non van volver; pero que están gravados na miña memoria e no meu corazón para sempre. 

 Pois si, foi o meu pai o que nos meteu o “gusaniño” de cultivar a horta; o problema é que nós non tiñamos moito tempo para dedicarlle. E foi Alberto quen, co “gusaniño dentro” empezou a buscar formas de cultivo máis adaptadas ás nosas posibilidades. E así dou co cultivo en bancais. Ao principio empezamos probando discretamente, cun só bancal. Enseguida vimos que o traballo en bancais era moito máis asumible para nós. Agora temos seis ( e estamos pensando en aumentalos), nos que plantamos distintas verduras e hortalizas en distintas épocas do ano. Xa non sachamos, a terra non se pisa e está normalmente branda. No inverno, se descansan, os tapamos con cartóns e non se enchen de malas herbas. Co compost que facemos coa materia orgánica do resto das cortas, podas e alimentos, melloramos a calidade da terra para que sexa mellor e máis produtiva. 

 Ultimamente comparto en redes sociais fotos da nosa pequena horta co obxectivo de animar a quen ten a posibilidade e o está pensando, a que se decida. Vale a pena, e máis nos tempos que corren, onde parece que nada é seguro. 

 

 










sábado, 16 de abril de 2022

REFLEXIÓNS NOS DÍAS DE SEMANA SANTA

 

"Un mandamiento nuevo os doy:  Que os améis unos a otros; como yo os he amado, que también os améis unos a otros. En esto conocerán todos que sois mis discípulos, si tuviereis amor los unos con los otros" (Juan 13:34-35).

Hai anos que non participo nas procesións de Semana Santa. De nena, mesmo de moza, participaba sempre. Recordo vestirme de Margarita Alacoque na procesión do Caramiñal do venres de Dolores ou de Marta na procesión do Santo Enterro. Tamén recordo participar na lectura da Pasión no Viacrucis. Canta dor e canto amor ao mesmo tempo.

Tamén hai tempo que non rezo. Non é que rezara moito de nena, sempre fun máis de falar que de repetir oracións. Pero se Deus non escoita a tanta xente que sofre - nenos e nenas, mulleres, homes- tampouco vai escoitarme a min. Por que ha de escoitarme a min? Quen son eu? Non sería xusto.  E eu creo nun Deus xusto.

Un Deus xusto que non interfire nas nosas vidas; pero que as mira de preto. Un Deus capaz de perdoar a traición, capaz de perdoar os maiores actos de maldade e  crueldade. Un Deus de puro Amor.

Hai tempo que concluín que o máis importante de todo, e o que está antes da nada, está contido nunha soa palabra: Amor. Aí está a clave,  a clave da vida e tamén a clave da vida despois da vida.

Pero que difícil é amar ós nosos semellantes! Que difícil é perdoar e pedir perdón. Que difícil é apartar o orgullo das nosas vidas para querernos e axudarnos, para ir máis alá da nosa propia humanidade. Que difícil é desprendernos aínda do que nos sobra para compartir con quen non ten. Que difícil mirar ás persoas alleas (alleas á nosa familia, ós nosos amigos, á nosa cultura, á nosa raza, á nosa forma de entender a vida,..) con Amor. Que difícil é seguir o camiño que Xesús marcou para todos e todas nós.

Practicar o verbo Amar é dificilísimo. Amar faise, moitas veces, mesmo imposible.

Como dicía, hai tempo que non vou ás procesións de Semana Santa; non por nada, ou tal vez  porque xa non me aportan o que me aportaban nos meus tempos mozos – as vivía con devoción- . Sinto que nin as procesións nin os cultos relixiosos tocan xa a miña fibra máis espiritual; sen embargo,  sigo no camiño marcado, o de conxugar o verbo máis difícil, ese que move o espírito máis profundo, o verbo amar.  Con traballo, éche ben certo; pero andando. A ver si andando, fago o Camiño.