sábado, 27 de junio de 2009

PLATAFORMA GRATUIDADE

Os pais e nais de Galicia non vamos consentir que o goberno da Xunta volva a gravarnos cos libros de texto.
A educación é un dereito de todos os nenos e nenas galegos. A gratuidade de libros de texto a través do préstamo é un dereito adquirido que non estamos dispostos a perder.
Nón é verdade que a Xunta aforre cartos coa medida. Se ata o de agora un libro valía para catro nenos, non pode ser que a Xunta gaste menos mercando libros en propiedade para o 60 % dos nenos galegos. Nos están enganando.
Os galegos volveremos a pagar os libros. Todos ou a grandísima maioría.
Atentan contra os nosos dereitos e non o vamos consentir.
En Galicia estámonos a mobilizar. Moitos galegos e galegas estamos asinando en contra desta medida e a favor da gratuidade.
Todos os interesados podedes poñervos en contacto connosco a través desta dirección de correo electrónico.
plataformagratuidade@gmail.com

domingo, 21 de junio de 2009

Na defensa da gratuidade dos libros de texto

Onte, nunha cafereria da Pobra, unhas 30 persoas, decidimos crear a
PLATAFORMA GALEGA POLA DEFENSA DA GRATUIDADE DE LIBROS DE TEXTO
Hoxe imos reunirnos para elaborar un
MANIFESTO
ao que pretendemos
SE SUME BOA PARTE DOS PAIS E NAIS DO ALUMNADO GALEGO.

viernes, 19 de junio de 2009

Os libros non son dos nenos. Son dos centros de ensino.

É imprescindible que corramos a voz.
É urxente que lles digamos a todos e a todas que nos están enganando.
Os libros non son dos nenos. Os libros son dos centros educativos.
As familias non son propietarias dos libros de texto, senón que, como se de bibliotecas se tratase, os centros educativos, o que fan, é prestar os libros ás familias durante o curso escolar, para que estas non os teñan que mercar.
Todos os libros son do centro educativo e os nenos teñen que responsabilizarse de tratalos ben e de non pintalos, nin estragalos e son usados polo alumnado do centro ao longo de 4 anos consecutivos, ou sexa, cada libro é usado por 4 nenos durante catro cursos escolares. (A excepción son os libros do 1º ciclo, que son funxibles, polo que os nenos os poden levar á casa.)
Non hai diferenzas entre os nenos. Non hai nenos ricos e pobres, uns con libros prestados e outros mercados pola familia. Todos son iguais. Todos usan os libros de todos.
E funciona. Funciona moi ben.
As familias están contentas e os nenos aprenden a non estragar os libros, a coidalos e a compartilos.
A quen queren enganar? De que nos queren convencer?
Canto queren aforrar? A costa de que? A costa de quen?
A gratuidade dos libros de texto supón, é certo, un aforro para todas as familias galegas, con máis recursos e con menos recursos.
Pero vai moito máis alá. Entende que os libros forman parte do sistema educativo público e obrigatorio.
Non tería sentido que, nas aulas, os libros distinguiran entre familias de rendas altas e baixas. Non tería sentido que uns libros se puideran subliñar e marcar e outros non.
O aforro non o xustifica.
Poderiamos entender que a Xunta decidira alongar durante dous anos máis a vida dos libros mercados durante estes anos para así aforrar en época de crise.
Mesmo podería ser que do que se tratase fora de que os nenos recibiran os libros en propiedade e non tiveran que compartilos ao ano seguinte, pero economicamente non tería sentido, a non ser que só recibira libros en préstamo unha cuarta parte do alumnado galego. O que supón que a maioría das familias, as tres cuartas partes, tería que mercalos.
O intolerable sería eliminar a gratuidade poñendo de manifesto nas aulas as rendas das familias dos nenos.
Quen son as rendas baixas e medias en Galicia?
A maioría.
De que aforro estamos a falar realmente? Ou é que a maioría dos galegos e as galegas teremos que volver a mercar os libros?
Por outro lado, a gratuidade de libros de texto beneficia claramente ao pequeno comercio, xa que moitos dos pais encargan os libros nas librerías que teñen preto e non van ás grandes áreas tratando de buscar un prezo máis barato.
Dende o meu punto de vista, o que está propoñendo o PP supón un retroceso imperdoable.

lunes, 8 de junio de 2009

COMPETENCIA LINGÜÍSTICA

Ao final do ensino obrigatorio o alumnado galego ten que ser quen de comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, tanto na lingua galega coma na lingua castelá, textos e mensaxes complexos. Artigo 4º Decreto 133/2007 no que se regulan as ensinanzas do Ensino Secundario Obrigatorio da Comunidade Galega.
¿Son quen os mozos e mozas galegas ao rematar a ESO de expresarse dun xeito fluído, oralmente e por escrito, tanto en galego coma en castelán?
¿Non debería ser esa unha das maiores preocupacións das autoridades educativas galegas?
¿O noso o problema é, realmente, que lingua usan os nosos nenos como vehicular en cada unha das materias?
O problema non está en que os nenos non comprenden as materias nunha ou outra lingua. Sobran experiencias educativas que o demostran si se queren analizar.
En Galicia levamos moitos anos traballando con plans de normalización aprobados nos distintos centros educativos sempre co visto bo da Consellería.
Polo que o que tería que facer o goberno é analizar polo miúdo os resultados deses plans de normalización lingüística e sacar conclusións.
Son moitos xa os mozos castelán ou galego falantes escolarizados en galego con plans chamados de choque que xa remataron o ensino obrigatorio. Analicemos cal é a súa competencia lingüística nas dúas linguas.
Tamén son moitos os alumnos e alumnas que sendo galego ou castelán falantes remataron a ESO sendo escolarizados basicamente en castelán e co galego unicamente como asignatura. Vexamos cal é a súa competencia lingüística en ambas as dúas linguas.
O sistema educativo debe garantir que se acaden os obxectivos descritos na nosa Lexislación Educativa.
Sen dúbida todos e todas temos dereito a opinar. Pero sobre todo temos a obriga de esixirlles aos nosos gobernantes que tomen decisións baseándose nos datos obxectivos dos que dispoñen e non na opinión máis ou menos formada duns pais moi ben intencionados pero que descoñecemos, en moitos casos, cales son as esixencias a nivel lingüístico da nosa lexislación.
O problema non radica na lingua na que traballan os alumnos e alumnas galegas as distintas materias, do que se trata é de que o sistema educativo vele porque todo o alumnado galego sexa verdadeiramente competente en ambas linguas ao remate da escolarización obrigatoria.

domingo, 7 de junio de 2009

EXPLOSIÓN DE CREATIVIDADE E COR



Hai uns días inaugurouse na Casa de Raquel Soler da Pobra unha exposición moi especial. Os que asistimos atopámonos cunha sorprendente explosión de creatividade e de cor.
Paraugas de todas as cores e materiais, con mensaxes, con debuxos, penduraban dos teitos da sala ou descansaban inspiradores nun rincón. Distintas composicións escultóricas feitas de caixas de cartón decoradas presentaban as obras de arte realizadas polos pequenos artistas protagonistas do evento. Moitas delas verdadeiras obras de arte en si mesmas. Retratos feitos polos propios nenos expresando enfado, alegría, paixón, reflexión, concentración. Miradas. Mans. Pés. Orellas. Bocas. Nenos e nenas.
Impresionante. Diferente. Estimulante. Motivador.
Non se trata tan só da exposición duns traballos feitos por unhas nenas e uns nenos, vai máis alá.
Decía Manuel Teira, o director artístico da obra, que por moito que o intentásemos
non seriamos quen de distinguir o mellor do peor. Porque non hai nin mellor nin peor.
E tiña razón. Todos os traballos forman parte dun todo artístico que transmite no seu conxunto e non dun xeito individual. Unha obra de arte feita de obras de arte. Explosiva. Transmisora de forza. De positivismo. De ilusión. De alegría e imaxinación.
Parabéns ás mestras, pola idea, polo esforzo, polo proxecto, polo traballo realizado, pola súa imaxinación e a súa paciencia.
Parabéns ao artista, asesor e director artístico da obra, Manuel Teira, creador polifacético que, neste caso, foi quen de transmitirlles aos pequenos o amor pola arte conseguindo que transmitisen sen censuras todo o que tiñan dentro.
Parabéns aos pequenos artistas, os verdadeiros creadores destas obras de cor e ilusión.
Aproveito ademais para animar ao señor alcalde e ao seu equipo de goberno a que apoien este tipo de proxectos dende o concello en vez de adicarse a enterrar obras de arte como a do estanque do Castelo.
Neste tipo de talleres vale realmente a pena inverter.
Son proxectos que estimulan a creatividade dos nenos e o gusto pola beleza e a arte
.