viernes, 19 de junio de 2009

Os libros non son dos nenos. Son dos centros de ensino.

É imprescindible que corramos a voz.
É urxente que lles digamos a todos e a todas que nos están enganando.
Os libros non son dos nenos. Os libros son dos centros educativos.
As familias non son propietarias dos libros de texto, senón que, como se de bibliotecas se tratase, os centros educativos, o que fan, é prestar os libros ás familias durante o curso escolar, para que estas non os teñan que mercar.
Todos os libros son do centro educativo e os nenos teñen que responsabilizarse de tratalos ben e de non pintalos, nin estragalos e son usados polo alumnado do centro ao longo de 4 anos consecutivos, ou sexa, cada libro é usado por 4 nenos durante catro cursos escolares. (A excepción son os libros do 1º ciclo, que son funxibles, polo que os nenos os poden levar á casa.)
Non hai diferenzas entre os nenos. Non hai nenos ricos e pobres, uns con libros prestados e outros mercados pola familia. Todos son iguais. Todos usan os libros de todos.
E funciona. Funciona moi ben.
As familias están contentas e os nenos aprenden a non estragar os libros, a coidalos e a compartilos.
A quen queren enganar? De que nos queren convencer?
Canto queren aforrar? A costa de que? A costa de quen?
A gratuidade dos libros de texto supón, é certo, un aforro para todas as familias galegas, con máis recursos e con menos recursos.
Pero vai moito máis alá. Entende que os libros forman parte do sistema educativo público e obrigatorio.
Non tería sentido que, nas aulas, os libros distinguiran entre familias de rendas altas e baixas. Non tería sentido que uns libros se puideran subliñar e marcar e outros non.
O aforro non o xustifica.
Poderiamos entender que a Xunta decidira alongar durante dous anos máis a vida dos libros mercados durante estes anos para así aforrar en época de crise.
Mesmo podería ser que do que se tratase fora de que os nenos recibiran os libros en propiedade e non tiveran que compartilos ao ano seguinte, pero economicamente non tería sentido, a non ser que só recibira libros en préstamo unha cuarta parte do alumnado galego. O que supón que a maioría das familias, as tres cuartas partes, tería que mercalos.
O intolerable sería eliminar a gratuidade poñendo de manifesto nas aulas as rendas das familias dos nenos.
Quen son as rendas baixas e medias en Galicia?
A maioría.
De que aforro estamos a falar realmente? Ou é que a maioría dos galegos e as galegas teremos que volver a mercar os libros?
Por outro lado, a gratuidade de libros de texto beneficia claramente ao pequeno comercio, xa que moitos dos pais encargan os libros nas librerías que teñen preto e non van ás grandes áreas tratando de buscar un prezo máis barato.
Dende o meu punto de vista, o que está propoñendo o PP supón un retroceso imperdoable.

2 comentarios:

riveromeva@gmail.com dijo...

Querida Charo:
Quero que sepas que puxen un post no meu blog, falando desta plataforma. Paréceme ben que non se quera misturar a política en este tema, ainda que creo que é difícil, ou mais ben inevitable,pero sobre todo quenes teñen que falar son os pais e nais sexa da ideoloxía que sexa: Os cartos do noso bolsillo en setembro, non nolo vai dar ninguén. Se podo asegúroche que vou estar nesa reunión.
Noraboa pola plataforma, tamén colguei o manifesto en facebook. Biquiños

Charo dijo...

Alégrome de que veñas mañá. Dende logo que somos os pais e as nais, sexa a que sexa a nosa ideoloxía,os que temos que falar.
Vémonos alí.
Un biquiño.