domingo, 7 de junio de 2009

EXPLOSIÓN DE CREATIVIDADE E COR



Hai uns días inaugurouse na Casa de Raquel Soler da Pobra unha exposición moi especial. Os que asistimos atopámonos cunha sorprendente explosión de creatividade e de cor.
Paraugas de todas as cores e materiais, con mensaxes, con debuxos, penduraban dos teitos da sala ou descansaban inspiradores nun rincón. Distintas composicións escultóricas feitas de caixas de cartón decoradas presentaban as obras de arte realizadas polos pequenos artistas protagonistas do evento. Moitas delas verdadeiras obras de arte en si mesmas. Retratos feitos polos propios nenos expresando enfado, alegría, paixón, reflexión, concentración. Miradas. Mans. Pés. Orellas. Bocas. Nenos e nenas.
Impresionante. Diferente. Estimulante. Motivador.
Non se trata tan só da exposición duns traballos feitos por unhas nenas e uns nenos, vai máis alá.
Decía Manuel Teira, o director artístico da obra, que por moito que o intentásemos
non seriamos quen de distinguir o mellor do peor. Porque non hai nin mellor nin peor.
E tiña razón. Todos os traballos forman parte dun todo artístico que transmite no seu conxunto e non dun xeito individual. Unha obra de arte feita de obras de arte. Explosiva. Transmisora de forza. De positivismo. De ilusión. De alegría e imaxinación.
Parabéns ás mestras, pola idea, polo esforzo, polo proxecto, polo traballo realizado, pola súa imaxinación e a súa paciencia.
Parabéns ao artista, asesor e director artístico da obra, Manuel Teira, creador polifacético que, neste caso, foi quen de transmitirlles aos pequenos o amor pola arte conseguindo que transmitisen sen censuras todo o que tiñan dentro.
Parabéns aos pequenos artistas, os verdadeiros creadores destas obras de cor e ilusión.
Aproveito ademais para animar ao señor alcalde e ao seu equipo de goberno a que apoien este tipo de proxectos dende o concello en vez de adicarse a enterrar obras de arte como a do estanque do Castelo.
Neste tipo de talleres vale realmente a pena inverter.
Son proxectos que estimulan a creatividade dos nenos e o gusto pola beleza e a arte
.

No hay comentarios: