Como mestra de Primaria, preocúpame a proposta de Alberto Núñez Feijóo de eliminar o uso individual de pantallas e dispositivos dixitais na Educación Primaria. Preocúpame, sobre todo, que un debate educativo complexo se reduza a unha resposta tan simple como prohibilas.
Estou de acordo en que debemos evitar a sobreexposición, en que un ordenador non pode substituír un libro, un caderno, a escritura a man, unha conversa na aula ou a explicación dunha mestra.
Pero unha pantalla é unha ferramenta. O importante é para que se utiliza.
Non é o mesmo pasar unha hora vendo vídeos ou realizando mecanicamente actividades dixitais que ler un texto en papel, abrir despois o ordenador durante vinte minutos para responder a un cuestionario que obrigue a inferir, comparar información, interpretar un gráfico ou xustificar unha decisión, e rematar escribindo unha conclusión no caderno.
Iso tamén é ensinar.
Imaxen xerada por IA
E, ademais, existe unha contradición difícil de explicar.
En Galicia, as probas de avaliación diagnóstica de 4.º de Primaria realízanse, con carácter xeral, en formato dixital e en liña e teñen un marcado carácter competencial.
É dicir, podemos chegar a dicirlle a un neno ou a unha nena que non debe utilizar individualmente un ordenador en Primaria e despois sentalo diante dun para avaliar a súa competencia matemática, lingüística ou científica?
Non debería aprender antes a manexar con naturalidade a ferramenta coa que despois vai ser avaliado?
A propia Xunta mantén ademais E-Dixgal en 5.º e 6.º de Primaria e está orientando o programa cara a un modelo híbrido que combina recursos dixitais e analóxicos. Ese camiño paréceme moito máis sensato.
Como docente, non quero unha escola na que o alumnado pase toda a mañá mirando unha pantalla.
Pero tampouco quero unha escola que confunda protexer a infancia con afastala dunha tecnoloxía que forma parte do seu presente e do seu futuro.
Quero que os meus alumnos e alumnas lean libros, escriban moito a man, calculen, debuxen, experimenten, falen entre eles, traballen en equipo e saian á contorna.
E tamén quero que aprendan a utilizar un ordenador para buscar información, distinguir unha fonte fiable doutra que non o é, interpretar datos, enfrontarse a un texto dixital, detectar unha manipulación, crear contidos e resolver problemas.
Porque a competencia dixital non se adquire prohibindo a tecnoloxía.
Adquírese ensinando a utilizala ben.
Quizais a pregunta non debería ser «pantallas si ou pantallas non?».
A pregunta debería ser:
para que, canto, cando e como utilizamos as pantallas na escola?
Aí é onde necesitamos pedagoxía, criterio docente e evidencia. Non prohibicións xerais.
E, por favor, escoiten máis ás docentes. Ás que traballamos cada día a pé de aula cos rapaces e rapazas deste país, ás que vemos o que funciona, o que non funciona e o que necesita cada grupo.
Porque as decisións educativas non deberían tomarse de costas ás aulas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario