Recuperar o rural tamén é política de vivenda
A noticia sobre a caída da produción de cobre en Chile chamoume a atención por unha razón moi concreta: fala dun problema que adoita quedar fóra do debate sobre a vivenda.
Chile é un dos grandes produtores mundiais de cobre e este ano está sufrindo unha caída significativa da actividade mineira. Entre as causas que se sinalan están o envellecemento dos xacementos e a menor calidade do mineral, o que obriga a mover e procesar máis rocha para obter a mesma cantidade de cobre.
E o cobre non é un material calquera.
Necesitámolo para as redes eléctricas, as enerxías renovables, os vehículos eléctricos, a industria, os centros de datos… e tamén para construír e equipar as nosas vivendas.
Unha casa necesita ademais cemento, formigón, aceiro, aluminio, vidro, cerámica, madeira, áridos, illamentos, enerxía e transporte.
Por iso, cando falamos de construír masivamente vivenda, quizais deberiamos facernos unha pregunta que poucas veces aparece no debate:
¿con que recursos?
O Partido Popular mantén actualmente como obxectivo aumentar a oferta ata arredor dun millón de vivendas, mediante iniciativa pública e privada.
Pero se pensamos nun millón de vivendas en catro anos, estamos falando dunha orde de magnitude de 250.000 vivendas novas cada ano.
Iso non significa simplemente habilitar solo e conceder licenzas.
Significa aumentar fortemente e ao mesmo tempo a demanda de: cemento, aceiro, cobre, aluminio, vidro, madeira, áridos, maquinaria, transporte, enerxía e traballadores.
E todo isto nun momento no que Europa pretende simultaneamente rehabilitar millóns de edificios, reforzar as redes eléctricas, instalar renovables, electrificar o transporte e adaptar as infraestruturas ao cambio climático.
Quen e como se asume o prezo das novas vivendas?
España contaba no Censo de 2021 con 26,6 millóns de vivendas, das que arredor de 3,84 millóns figuraban como baleiras. E hai un dato especialmente interesante: os municipios de menos de 10.000 habitantes concentraban o 45 % de todas as vivendas baleiras, aínda que neles vivía só o 20,3 % da poboación
Recuperar o rural tamén é política de vivenda
Recuperar vivendas e núcleos rurais, rehabilitar edificios abandonados e devolver actividade económica e servizos ás pequenas vilas podería formar parte da solución.
Non se trata de levar a poboación ao rural por decreto nin de estender urbanizacións dispersas polo territorio. Trátase de preguntarnos se é razoable abandonar casas, aldeas e infraestruturas que xa construímos mentres necesitamos extraer máis cemento, aceiro, cobre, aluminio e area para levantar outras novas.
Pero para que iso sexa unha alternativa real fan falta tamén emprego, transporte, conectividade, sanidade, educación e servizos públicos.
Un millón de vivendas non son só un millón de portas, ventás e chaves.
Son tamén millóns de toneladas de materiais, enerxía, transporte, solo e emisións.
Nun planeta con límites materiais e cunha crise climática xa en marcha, resolver o problema da vivenda seguirá sendo imprescindible.
Pero tal vez teñamos que aprender a facelo construíndo onde sexa necesario, rehabilitando o que xa temos e recuperando territorios e núcleos que fomos deixando atrás.
Reutilizar edificios e territorio pode chegar a ser tan importante como construír.
No hay comentarios:
Publicar un comentario