Cara onde nos quere levar PP e Vox? Que modelo de sociedade defenden? Que intereses pretenden beneficiar?
Queremos que o futuro das nosas pensións dependa da Bolsa? Que os aforros de toda unha vida poidan acabar financiando empresas de armamento? Que os riscos os asumamos nós, mentres outros cobran comisións e obteñen beneficios?
Queremos unha Europa na que os mercados financeiros sexan cada vez máis poderosos, alimentándose cos aforros acumulados durante toda unha vida de traballo por millóns de persoas, mentres os dereitos sociais se debilitan e o noso futuro se volve cada vez máis inseguro?
Ou queremos un país no que envellecer non signifique vivir con medo ao futuro?
Porque, despois de toda unha vida traballando, o que merecemos é descansar con dignidade. Non vivir pendentes de se a Bolsa sobe ou baixa para saber se poderemos pagar a luz, facer a compra ou chegar a fin de mes.
Que está acontecendo en Europa?
Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo, insiste na necesidade de mobilizar os aforros dos europeos e europeas para financiar os investimentos que necesita a economía europea.
A Comisión Europea impulsa a Unión do Aforro e dos Investimentos, promove as pensións complementarias e quere que unha parte maior do diñeiro dos cidadáns e das cidadás se dirixa aos mercados financeiros.
Ao mesmo tempo, Europa está embarcada nun enorme programa de rearme e busca atraer capital privado para financiar a industria de defensa.
E isto último non é unha interpretación. A propia Comisión Europea inclúe entre as súas propostas acelerar a Unión do Aforro e dos Investimentos para mobilizar capital privado cara á industria de defensa.
Quen decidiu que non podemos pagar as pensións?
Repítennos continuamente que o sistema público de pensións non é sostible, que a caixa vai quedar baleira, que no futuro non haberá cartos suficientes para pagar as nosas pensións.
Pero eu pregúntome: se somos millóns de persoas traballando, producindo riqueza e contribuíndo ao sostemento do país, por que temos que aceptar que non haberá cartos para as pensións?
As pensións non son un peto condenado a quedar baleiro. Son unha decisión política e económica, unha cuestión de prioridades e de distribución da riqueza.
As pensións non son un negocio financeiro. Son unha conquista social. Son seguridade, tranquilidade e dignidade para millóns de persoas.
Cara onde nos queren levar a dereita e a extrema dereita do noso país?
Despois de toda unha vida traballando, merecemos a tranquilidade de saber que teremos unha pensión digna, sen que o noso futuro dependa da rendabilidade dos investimentos financeiros nin dos riscos que outros decidan asumir con noso aforros.
Cara onde nos quere levar a dereita? Que modelo de sociedade defende? Que intereses pretende beneficiar?
E, sobre todo, quen vai gañar e quen vai perder se permitimos que o futuro das nosas pensións dependa cada vez máis dos mercados financeiros?
Ollo! Votar mal pódenos saír moi caro!!!
Bibliografía:
Enlaces:
1. Christine Lagarde — Banco Central Europeo (22/11/2024) : mobilización do aforro privado.
2. Comisión Europea — Unión do Aforro e dos Investimentos (19/03/2025)
3. Comisión Europea — Pensións complementarias (20/11/2025)
4. Comisión Europea — O futuro da defensa europea : Recolle a proposta de acelerar a Unión do Aforro e dos Investimentos para mobilizar capital privado cara á industria europea de defensa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario