Alugar unha segunda vivenda, moitas veces herdada, a novas familias que queren formar parte dun concello e facelo mesmo un pouco por debaixo do prezo de mercado - que todas sabemos como está - pode ser unha das mellores decisións que pode tomar quen ten unha segunda vivenda libre durante todo o ano.
Esa decisión pode facer que haxa máis persoas empadroadas na vila. Máis veciñ@s que vivan tranquilas e que poidan pensar nun futuro aquí.
Gaña o propietario. Gaña a familia, que atopa onde comezar unha nova vida. E gaña o concello, que non perde poboación, senón que a suma.
E por esa vivenda poden ir pasando distintas familias ao longo dos anos. Se nalgún momento quen vive nela decide mercar a súa propia casa, marchar a unha vivenda máis grande ou mellor situada, esa mesma casa pode volver converterse no punto de partida doutra familia.
Por iso creo que, sempre que sexa posible, paga a pena apostar polo alugueiro residencial. Unha casa pode significar que unha familia quede, que os seus nenos e nenas se escolaricen na vila e que haxa máis vida durante todo o ano.
Pero sei que non sempre é posible.
Ás veces necesitamos esa segunda vivenda para nós ou para os nosos fillos e fillas que tiveron que marchar fóra para estudar, traballar ou construír a súa vida. Sabemos ben o que significa que alguén teña que marchar da súa terra e tamén o importante que é atopar un lugar onde empezar cando se chega a outra. Moitas desas persoas regresan polo Nadal, no verán ou nalgunhas fins de semana, e queremos poder ter esa casa á súa disposición. Neses casos, o alugueiro turístico pode ser unha opción razoable que permita manter a vivenda dispoñible para a familia e axude a conservar a propiedade.
Porque non toda vivenda turística é especulación. Tamén hai casas familiares, herdadas ou conservadas durante xeracións, que se alugan simplemente cando a familia non as utiliza.
Pero, se unha vivenda pode estar dispoñible durante todo o ano, creo que merece a pena preguntarse se pode converterse no fogar de alguén.
É certo que o turismo tamén forma parte das nosas vilas, pero son as persoas que viven nelas todo o ano as que manteñen abertas as escolas, os comercios, os servizos e a vida cotiá.
Sempre que se poida, primeiro fogares.
Así tamén se fai pobo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario